Wednesday 03 de July de 2024

Román Rodríguez felicita ao colexio Vales Villamarín de Betanzos polo seu 50 aniversario


— Destaca o papel fundamental que este centro ten xogado na formación académica dos veciños desta vila, construíndo unha sólida comunidade educativa

— Salienta a capacidade do colexio de adaptarse aos novos desafíos do ensino de cada etapa, “como a busca de acordos para enriquecer o seu programa educativo”

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe nos actos de celebración dos 50 anos do Colexio CEIP Francisco Vales Villamarín, un aniversario “que demostra constancia, fortaleza e un afán permanente de mellora”, destacou.
“É imposible escribir a historia recente de Betanzos sen o papel fundamental que este centro ten xogado na formación académica dos veciños desta vila”, salientou o conselleiro. “Neste colexio a formación académica e persoal van da man”, explicou.

Román Rodríguez fixo fincapé na capacidade do centro de adaptarse aos novos desafíos do ensino de cada etapa “como a busca de acordos con axentes e institucións culturais e empresariais para enriquecer o seu programa educativo”. “Son moitos os retos que ten por diante unha institución tan emblemática como esta, e estou seguro de que seguirá sumando aniversarios con maior fortaleza”, afirmou.

O conselleiro rematou felicitando ao colexio pola súa traxectoria e agradecendo o labor de “todos os que fan posible esta celebración e que co seu esforzo ofrecen un maior pulo ao colexio, desde os profesionais do propio centro, equipo directivo, docentes, aos alumnos e que gozan do ensino nas súas instalacións.